| Inicio > El Museo
 

MUSEO ETNOGRAFICO LISTE DE VIGO

museo

O Museo, inaugurado en Decembro de 1999, ten carácter monográfico, con clara orientación etnográfica. Cualificado como Museo de Carácter Etnográfico pola Consellería de Cultura en Novembro de 2001. É membro do Consello Galego de Museos.

Conta con mais de 2.500 pezas que reflicten diversos aspectos da cultura galega: A cultura do centeo, A roda tradicional, Simboloxía dos oficios, O peche, Tecidos, A madeira escavada, A luz, Materialidade da fe e Medicina popular, conforman os eixes temáticos das instalacións.

museo

É un Museo necesariamente guiado, e intencionadamente pouco rotulado.. O monitor ou "guía" é moito máis que un interlocutor válido comprometido en achegar a esencia dos obxectos; é tamén o encargado de transformar o espazo nun estreito vínculo entre visitante e obra, que permita o diálogo entre ambos os dous cun obxectivo: crear dependencia na que se comparta protagonismo: Visitante e peza irmandando experiencias.

A montaxe, baixo distintas formulacións, permite variar en criterios segundo a orientación das nove salas de exposición permanente: con marcado carácter simbólico, didáctico, temático, conceptual... pero cun común obxectivo no que destacar a dignidade dos obxectos.

Dende a súa constitución, o Concello de Vigo é a principal Entidade no financiamento da Fundación Liste, aportando para este exercicio 2.017 o 96,77% do total do presuposto.

Filosofía

museo

Formulado como centro de intercambio cultural, o Museo non é só transmisor de coñecementos, senón receptor da pluralidade cultural e da realidade cambiante.

É un Museo "conversado, comentado, dialogado..." onde o visitante deixa de selo para incorporarse a un mundo que, aínda latente, aflora a unha realidade singular.

Descubrir, observar, coñecer e valorar o pasado recente pode ser unha aposta xenérica, pero a nosa aposta persoal é conseguir que o legado do pasado que o museo acolle, se converta en base experimental que nos axude non só a comprender o presente, senón a dinámica da cultura e a súa diversidade.