Traballando en...

O Museo Liste Etnográfico de Vigo  recolle o 21 de xuño  o “Tecido Sororal” realizado polas internas do módulo 6 da UTE do Centro Penitenciario de Teixeiro. O Tecido enmarcase no proxecto “Sororidade”  que  enche as estancias do Museo como rede simbólica de apoio e forza feminina.

Aproveitamos a invitación para percorrer as instalacións na compaña de Antonio, funcionario do Centro, que agarimosamente nos amosa anacos da vida cotiá dos internos e internas. Con el descubrimos a coidada rutina, as normas, o necesario protocolo ou a magnífica xestión dos distintos espazos.

Pero tamén descubrimos con asombro o “oculto talento” que se agocha dentro desas paredes.

Grandes Murais na entrada que replican símbolos da Ruta Xacobea para quen queira imaxinar percorrer o camiño, rematando na asombrosa catedral pictórica; patios  decorados con agarimo que antano observaron  infantís miradas na que foi a gardería, e hoxe apenas visibles, ou os restos dun fondo mariño que aínda asoman na súa grandeza e que encheron de vida o contorno da piscina, reflectindo fermosamente unha realidade so perceptible deste xeito polos seus moradores.

Nos talleres  emerxe sensibilidade e  aflora a  forza creativa, plasmada en coidados traballos en coiro,  grandes tallas  en madeira de figuras simbólicas  ( como Concepción Arenal…),marquetería, vidro, costura, teatro ou música… e unha especial papiroflexia que inunda de  formas e cores unha das salas, aproveitando os restos da fábrica de papel que se atopa nas instalacións do centro. Todo un modelo de reciclaxe !

Traballos cun valor terapéutico engadido para unha  difícil realidade , na que compoñer a rutina aproveitando o moito tempo libre, toma corpo nesas fermosas creacións. Sen esquecer a solidaridade dos internos, que colaboran  con numerosas iniciativas dende estes talleres.

Noraboa a todos e todas os que participades nos proxectos educativos da UTE, agradecéndovos  que nos amosásedes o aquí agochado  e que nós, observadoras privilexiadas, desexamos  compartir

Ánimo e adiante!

Grazas a José Angel, Nadia e Antonio por permitir achegarnos a esa realidade.

 O pasado 9 de xullo, Atlántico  Diario recollía esta colaboración nun artigo de Ana Baena que podedes visitar no seguinte enlace:

https://www.atlantico.net/articulo/vigo/liste-abre-puertas-arte-internos-teixeiro/20220709234946925744.html