Coñécense modelos de embarcacións monóxilas -feitas dun só tronco escavado- en Europa, Oceanía, China e India. Aínda que en Galicia sábese da existencia deste tipo de barcas por referencias de historiadores clásicos como Estrabón, non se conservan restos delas. En 1902 descubriron na lagoa de Antela os restos dunha piragua monóxila, que foi destruída sen dar tempo a estudala. O mesmo ocorreu con outra piragua descuberta no río Ulla en 1959.
Ata o século XV, o termo “dorna”referíase a un recipiente con forma de arca para o transporte de grans e líquidos. A primeira vez que aparece documentada a palabra “dorna” co significado de embarcación, é no ano 1431, onde se fala dun barco de dúas dornas que se utilizaba como barca de pasaxe en Porto Vello, Ourense, “desde el tiempo dante dos ingleses”- antes da invasión inglesa de 1386-.
A barca de dornas estaba composta por dous troncos de castiñeiro escavados – tamén se utilizaba o carballo aínda que con menor frecuencia-; de proa arrufada, lixeiramente levantada, de maior manga que a popa e que remataba en estampa.