A representación do nacemento de Xesús, aparece na arte paleocristiá en pinturas das catacumbas romanas. Sen embargo, sinálase a orixe do belenismo, como tal, no ano 1223. No Nadal dese ano, en Greccio (Italia), San Francisco de Asís evocou o Misterio representado por persoas e unha pequena estatuíña do Neno en terracota. Dende entón, a representación da Natividade estendeuse polo mundo cristián conformando un símbolo da súa cultura.
Ao longo dos séculos XV e XVI, o belenismo adquire tanta importancia que estas representacións comezan a ser moi prezadas por realeza e nobreza e, xa no XVIII, o belén se populariza chegando ao ámbito doméstico.
A escolma de beléns en exhibición forma parte dunha valiosa colección de microbeléns doada ao museo pola familia Barturen Alonso.
Joseba Barturen, artífice da colección, ilustraba a súa paixón belenista coa frase “Na miña casa todo o ano é Nadal” e atesourou, durante a súa vida, un fermoso legado cuxo xermolo foron os beléns comprados como agasallo nunha das súas viaxes a Ecuador.
Así mesmo, presentamos unha mostra de seis presepios portugueses procedentes da rica colección doada ao museo por Xabier Maañón. Todos eles saídos das mans de artistas pertencentes a históricas sagas familiares de barristas do país veciño.
Ambas coleccións evidencian a grande importancia patrimonial do coleccionismo privado, tesouro oculto que, nesta ocasión, sae a luz froito da desinteresada xenerosidade dos coleccionistas e as súas familias.
Datas: do 1 de decembro de 2022 ata o 8 de xaneiro de 2023