Histórico
Exposicións temporais
Proxectos expositivos 1999- 2023
2000 - 2002
Inaugura a serie “Coleccionismo privado” cuxo propósito e compromiso son a difusión e estudo dun rico patrimonio agochado nas máns de quen, con agarimo, o acrecenta, conserva e, en moitas ocasións, salva da desaparición e do esquecemento.
D. Luis Molist, pai da colección, foi un coleccionista singular que unindo dúas paixóns, o ciclismo e os obxectos a el vencellados, fíxonos partícipes dun extraordinario legado que protagonizou os primeiros anos da andadura do Museo.
Bicicletas, faros, cascos, documentación relativa ao deporte,… foron algún dos obxectos que partillaron espazo para ilustrarnos sobre o ciclismo, a súa historia, evolución e, sobre todo, a paixón duradeira que esperta en quen o practica.
Peladores de patacas, rudimentarios flashes de lámpada, pesarios e tantos outros obxectos singulares que compoñen unha escolma tan variopinta como suxerente.
A súa singularidade, orixinalidade e capacidade de sorprender, converten estas pezas nun atractivo escaparate de solucións a problemas cotiáns ou técnicos dos que a inventiva humana nos foi fornecendo ao longo dos tempos.
A maior parte dos obxectos expostos pertencen á colección do Museo Liste de Oseira, nai da actual colección permanente do Museo Liste de Vigo, doada en 1999 por parte de D. Olimpio Liste Regueiro e a súa dona Josefina Fernández Mosquera como resposta á invitación do Concello de Vigo para a creación deste Museo.
2003 - 2005
Percorrido tecnolóxico, de enxeño, visual, de deseño, de aprendizaxe,…
Articulada en torno a cincuenta pezas moi significativas, reflexa a transición dende as primitivas galenas, dos anos 20 do século pasado, a aparellos máis modernos de tecnoloxía dixital. Catálogos, folletos publicitarios, cursos por correspondencia, carteis, comprobadores de válvulas, manipuladores de morse ou aparellos de medida,…
A mostra amosa, non só unha magnífica colección privada, senón a un home, D. Ángel de Prado Sierra, capaz de transmitir o seu feitizo por esta tecnoloxía que permite a longa viaxe dos sons e das voces de moitos ata cada un de nós.
Exposición de pintura a través de retratos de distintas etnias, obra de Ángeles Martín Marcos.
A exposición enmárcase dentro da triloxía na que se recollen diversos aspectos definitorios da identidade das diversas culturas. Ademais da expresión plástica do retrato de etnias, está presente o mundo simbólico, expresado a través dos “Griotas”, homes sabios, posuidores do don da palabra e contadores da historia. Estas pezas foron cedidas polo “Museo Étnico” e a Asociación A.I.D.A (Para o Desenrolo e Integración do Africano).
Do 12 e marzo ao 10 de maio de 2004
Exposición de doce modelos de barcos, planos e accesorios, saídos das mans do modelista naval D. Santiago Signo López.
Destacar a calidade técnica das pezas elaboradas a partir de planos feitos por el mesmo (escala 1/100- 1/75); a minuciosidade do perfecto engrenaxe; así como a documentación histórica recollida, estudada e utilizada para dotar do maior rigor aos seus modelos navais.
Do 30 de xullo ao 13 de setembro e 2004.
Detémonos nesta mostra, na relación formal das vasillas e a súa utilidade, sen esquecer as súas calidades estéticas e o seu valor documental e patrimonial.
Escolma composta por máis de 50 pezas, propiedade, na súa meirande parte, do Museo Quiñones de León de Vigo.
Esta exposición ofrece unha documentada mostra de cascos de combate dende a súa perspectiva histórica.
A mostra compleméntase con obxectos como un periscopio dun carro de combate británico participante no desembarco de Normandía e un teléfono de campaña por fíos utilizado durante a Guerra Civil española. Obxectos, todos eles, pertencentes á colección de D. Guillermo Martínez Baz, testemuñas mudas dun recordo, dunha pregaria, rescatados da súa obrigada funcionalidade.
Mostra que exhibe máis de cen obxectos que teñen en común o seu uso cotiá.
Todos eles relacionados coa vida no ámbito rural do século XIX: vestimenta, aveños, elementos de compaña,…dos que destaca a súa propia linguaxe.
Coa colaboración especial da Asociación Cultural Tangaraño.
2006 - 2008
Do 7 de abril ao 27 de maio de 2006.
Exposición que recolle as diversas facetas deste prestixioso instrumentista e artesán luthier, D. Antón Corral, creador e investigador. Amósamos a súa colección de instrumentos musicais, na meirande parte saídos das súas mans.
Dende as primitivas frautas e pitos pastoriles, ata a gaita ou as zanfonas. Destaca o “organistrum”, construído no Obradoiro Escola de Gaitas e Zanfonas da Universidade Popular de Vigo, por Antón Corral, Carlos Corral e Ramón Casalen 1984.
Colabora a Escola Municipal de Artes e Oficios da Universidade Popular de Vigo.
Dende o 9 de xuño ao 31 de xullo de 2006
Mostra dedicada á evolución dos recordatorios e fotografías de primeira comuñón ao longo do s. XX.
Nela móstranse escolmas de diversas coleccións privadas doadas ao Museo como a de Ana Mª Areán González, Ángeles Martín Mata, Victoria e Carmen Vázquez López e Luis Molist; así, como outras cedidas para a exposición pertencentes a Manuel Robles González, Mariano Marcos Abalo e Santiago Signo. Contamos, tamén, coa especial colaboración do Arquivo da Imaxe de O Porriño.
Do 29 de novembro de 2006 ao 30 de xaneiro de 2007.
Nun percorrido simbólico, exponse unha ampla mostra fotográfica dos comezos da Industria relacionada co mar. Neste caso recóllense documentos gráficos dos estaleiros Vulcano e Barreras, das conserveiras Albo, Alfageme e Valcarcel, etc.
A exposición apoiase, ademais, en obxectos simbólicos destas Industrias, como é o caso dos primeiros bosquexos do logotipo da marca “Miau”, ou as primeiras latas de conserva.
Na exposición colabora, ademais, a Asociación de Conserveiros A.N.F.A.C.O.
Marzo e abril de 2007.
Parte da rica colección privada de Dª. Rosa Mª Lopes Bamba. Preséntanse unha serie de materiais de uso cotiá como fieis documentos das vidas das xentes que os usaron, sen esquecer a súa dimensión estética.
Ofrece unha visión o máis ampla posible do que representa unha actividade moi común pero realizada con distintas finalidades, como oficio ou como afección, dous conceptos aunados no título cos substantivos “traballo e lecer”.
As pezas, escollidas de entre unha extensa colección, responden a catro premisas: representatividade, curiosidade, documentación, e estética.
Do 15 de xuño ao 14 de xullo de 2007.
Mostra fotográfica con obra de Mila Rodero sobre oficios tradicionais, concretados en xentes do oficio de Ourense: o toneleiro de San Cristobo, Manolo o carpinteiro, etc. Reflexión sobre a evolución destes oficios que clasifica en dous bloques “Os gardiáns da memoria” e “Recreando a memoria” atendendo a subsistencia, adaptación ou desaparición de cada un deles.
Producida polo Museo Etnolóxico de Ribadavia.
De outubro de 2007 a xuño de 2008.
Acolle a colección privada de D. Ignacio Diz. Trátase dunha ampla e documentada colección de máis de seis mil soldados de chumbo sáidos das súas mans e que supoñen un labor artesanal e de precisión na súa elaboración ofrecéndonos o seu valor documental e histórico.
Como complemento á exposición edítanse polípticos informativos onde se definen os principais centros de interese aos que se refire a exposición, fundamentalmente materiais e procesos de elaboración, destacando especialmente a elaboración manual de todo o traballo.
Exposición fotográfica de produción propia que mostra o resultado dun traballo de campo, realizado ao longo de varios anos, que pon de manifesto a versatilidade dos obxectos que adaptados, reutilizados, recíclados, adquiren novas funcións froito da necesidade, do enxeño,…. Unha morea de “reciclados”, que sen perder a materialidade orixinal, atopan outra dimensión funcional.
Exposición aberta e participativa que se amosa mediante a súa itinerancia por diversos centros culturais da cidade de Vigo.
Do 2 de agosto ata o 30 de novembro de 2008)
A través de vinte máscaras representativas e significativa da tradición galega, achegámonos ao seu significado.
As máis coñecidas, como a pantalla de Xinzo, Cigarrón de Verín, Peliqueiro de Laza, Felo de Maceda….pero tamén Vellarrón de Riós, Vello dos Cornos da Merza, Oso de Salcedo…descobren para nós a súa compoñente máxico-ancestral. Para algúns representan restos de rituais miméticos, tótems, ritos de fertilidade, maxia da caza, espíritos da vexetación ou mesmo deuses pagáns.
Está claro que foron nutríndose e mesturando distintos estratos ao longo do tempo e do acontecer da historia e que chegan a nós da man do Entroido.
Como fose, quixemos acoller, non máscaras de uso ornamental, senón aquelas máis relevantes e complexas, que seguen sendo portadoras do poder de transformación, gardando o misterio da súa orixe.
2009 - 2011
Do 24 de abril ao 31 de decembro de 2009.
Preto de cincuenta pezas que representan os máis diversos enxeños de captura, acoso ou defensa fronte aos animais, con atención aos artiluxios empregados antano, produto da actividade cazadora do ser humano: cestos, caixas trampa, lazos, cepos, gaiolas, etc.
A maioría das pezas pertencen á colección privada de José Luis Castro Fontenla, profundo coñecedor e estudioso do trampeo tradicional, tamén artesán restaurador e recuperador de moitas delas.
Colaboran: Moisés D. Boza, Xulio Sigüenza, Axencia de Sostebilidade de Covelo.
Do 1 de xuño ao 31 de agosto de 2009.
A Sala do Peche do museo acolle unha serie de fotografías que baixo o título «Encintados» exhibe o material recollido no traballo de campo dos derradeiros anos. Plasma a pervivencia técnica do encintado nas antigas fachadas das vivendas que van desaparecendo á medida que estas son remodeladas.
Exposición aberta e participativa coa intencionalidade, novamente, de recoller todo o que está no límite da presenza de xeito a completalo cun estudio zonal dos diferentes deseños representados cara a unha posible agrupación tipolóxica.
De Xullo a novevembro de 2009.
Mostra da colección privada de maquetas de embarcacións históricas saídas das mans dun artesán do minucioso, Juan José Sueldo do Taller Urupay.
Do 26 de febreiro ao 30 de xullo de 2010.
Unha escolma de pezas procedentes do Museo Liste de Oseira dan vida a esta exposición. Son obxectos que nos acompañan nun percorrido, non dende o pasado, senón dende o «xa vivido», porque a súa presenza entre nós, aínda sen ser funcional, segue sendo valiosa.
Recolléronse pezas únicas, como as tenaces para apañar a semente do toxo; pezas industriais como a máquina de coser sombreiros, a tenaz para facer ollais; pezas humildes como o podón de manicho; ou as que falan de mesas ben ataviadas con vaixelas e cuberterías completas.
Todas son froito dunha recollida sistemática dirixida a irmandar nun conxunto sorpresivo aqueles obxectos dispares na súa función, pero comúns na súa singularidade.
Do 15 de outubro de 2010 ao 30 de setembro de 2011.
Escolma de pezas que debuxan os xeitos de cubrir a cabeza e os pés durante os últimos séculos.
Pezas de cabeza de afastada orixe como a cofia medieval; de uso específico como o «sueste» mariñeiro; mandís e mantelas que, abandonando o seu lugar propio, eran utilizados para cubrirse en determinadas ocasións. Os panos, os velos, as boinas, rivalizan con solucións locais como o casquete de Tui, os sombreiros de palla do Val do Dubra ou os Sancosmeiros.
Nos pés, das peles nas épocas máis afastadas ata os nosos días, os xeitos de cubrilos sofren grandes transformacións: sinxelas sandalias de sola ríxida con correas, zocas, alpargatas, chancas, raquetas para camiñar na neve, abarcas de pneumático, etc.
Colaboran: Museo da Fonsagrada; Elena Ferro; Rafael González Goyanes; Mª José Martínez Pérez; Antonio Vázquez Mariño; José Antón Gómez Amorín; Covadonga López de Prado Nistal; Albino Rodríguez.
Mostra que acolle unha serie de fotografías, froito dun concienzudo traballo de campo, como soporte para achegarnos ás variadas formas de delimitar a propiedade da terra e a importancia que estes lindes tiñan na base dunha sociedade definida pola terra e o seu dominio.
Exhibición das variadas solucións hixiénicas de antano, cos vellos retretes de castelos, pazos e casas, así como outras solucións cara ao futuro dos inodoros que se foron afastando do campo.
Esta exposición adquire caracter permanente exhibíndose no «escusado» da segunda planta do museo e enriquecéndose cada ano con novas aportacións.
No 2011, o museo da inicio á tradicional exposición de beléns que dende entón amosa cada ano co gallo da celebración da festividade cíclica do Nadal e que, ao longo dos anos, amplía a súa temática ás felicitacións e outros obxectos relacioanados con estas datas.
Cada ano exhíbense distintas coleccións privadas que acompañan á propia do museo que vai crecendo a partir de doazóns procedentes do coleccionismo privado.
Inicia a serie a exhibición da colección de Xosé Antón Gómez Amorín na que destacan as pezas procedentes de Portugal, Italia, Perú e México.
2012 - 2014
Do 15 de decembro do 2012 ao 15 de xullo do 2013.
Recolle o uso de máis de cen obxectos aos que se lles atribúen propiedades máxicas, preservativas-defensivas contra todo tipo de males, perigos e feitizos, sandadoras ou propiciatorias.
Partes de animais como cornos, dentes, pezuños, …; minerais como pedras do raio, da fartura, da ara, …; plantas como o loureiro, a oliveira, …; obxectos específicos como a figa, a ferradura, a campá ou axóuxere.
O discurso expositivo desenvólvese a partir da clasificación das pezas en catro grupos: amuletos, obxectos de poder de natureza mineral, animal ou vexetal; pedras da fartura, amuletos de natureza pétrea que propician a abundancia en sentidos diversos; talismáns, elementos valedores ou sandadores elaborados ou intervidos polo ser humano; e, por último, os talismáns contemporáneos procedentes de diversas culturas que mostran a maior apertura ao mundo que presenta a sociedade actual.
A maior parte das pezas pertencen á colección de Calros Solla Varela.
Exposición que afonda nos oficios desaparecidos na cidade dos que se elixiu pola súa singularidade a empresa familiar «Hijas de J. Nieto», fabricantes de selos de caucho ata a irrupción de métodos de produción máis modernos.
O contido ofrece unha visión do proceso de elaboración dos selos de caucho máis representativos de industria, do comercio e da administración da cidade de Vigo e da súa área de influencia. Acolle o mobiliario e os útiles de traballo procedentes de dito obradoiro con sede, ao longo de tres xeracións, na céntrica rúa Eduardo Iglesias.
As irmás Soneira cóntanos a través do seu legado non só a historia da empresa familiar senón tamén a da cidade.
Mostra fotográfica co obxecxtivo de ofrecer unha perspectiva diferente dalgunhas das pezas exhibidas de xeito permanente nas distintas salas. Un pretexto para probar a nosa capacidade de observación. Un novo xeito de integrar as imaxes no discurso expositivo a través da apertura a distintas miradas.
Unha escolma das fotografías exhibidas adquiren carácter permanente totalmente integradas nun discurso expositivo que asocia tradición e contemporaneidade.
Fotografías de José Luis Gómez Márquez.
Reflicte a evolución da roupa interior, » a muda», deténdose na Galicia dos séculos XIX e XX.
A exposición mostra camisas, calzóns e camisóns de home; chambras e pololos, suxeitadores, corpiños, xustillos e sobrecorpiños, polisóns, corsés, enaguas, visos e medias de muller; camisas, apertadores e panos de bebé entre outras prendas e pezas referidas tamén ao lavado e coidado da roupa.
Do 25 de febreiro ao 11 de marzo.
Esta exposición forma parte do proxecto da «Asociación dos Felos da Corga de Maceda».
Un total de 20 fotografías realizadas na súa meirande parte en Murcia, na Festa de Primavera de 2013, que presentan o resultado da convivencia de Felos e Pantallas e da especial conexión entrambos xunto cos Vergalleiros de Sarreaus.
Fotografías de Rita Blanco Fernández.
2015 - 2017
Do 21 de febreiro ao 31 de decembro.
A necesidade de medir o tempo supuxo un reto para o ser humano que, ao longo da historia, perfecciona mecanismos que lle permiten medir o seu paso.
A modo de breve historia da reloxería e a súa evolución, o museo acolle esta exposición, escolma de máis de sesenta aparellos capaces de medir o paso do tempo e que abrangue dende os primeiros dispositivos ata os modernos reloxos do século XXI: reloxos de sol, astrolabios, nocturlabios, clepsidras, reloxos de area, de lume, reloxos mecánicos de roda, de péndulo, cinéticos de bolas, de escape centrífugo, …
Pertencen á colección particular de Domingo Pérez, reloxeiro de Monforte de Lemos (Lugo)
Fotografías de Rocío Alonso Canillar e Vidal Martín Fernández, viaxeiros apaixonados que captan con sensibilidade efémeros momentos de encontro.
Baixo este título, a artista Amparo Fernández, presenta e exhibe un proxecto que ten como núcleo os lugares que envolven ao individuo, invisibles para todos agás para os seus achegados. As nidometrias son ilustracións que requiren, no seu proceso creativo, a colaboración dos suxeitos que proporcionen os datos que a fagan posible.
A metroloxía forma parte da historia da humanidade dende o principio dos tempos. Presente no devezo por cuantificar o mundo que nos rodea. Asociada á agrimensura e á propiedade da terra, á arquitectura e ás transaccións comerciais. Dende as súas orixes o ser humano utilizou medidas de lonxitude, peso, capacidade e tempo baseadas na súa observación do medio natural e nas súas experiencias.
Dende estes inicios as medidas fóronse diversificando e apareceron os diferentes sistemas de medición tradicionais.
A súa grande diversidade fixo preciso regular por lei os sistemas de medición, o que levou a un proceso de unificación longo e difícil que concluíu coa implantación, tras moito tempo, do Sistema Métrico Decimal de uso universal, aceptado no Tratado do Metro (París, 1875) e firmado por 17 países, entre eles España.
Mostra fotográfica de Mar López Sotelo coa que se pretende dar visibilidade a unha singular manifestación artística tradicional, xunguida fundamentalmente á arquitectura popular: “O encintado decorativo” , a decoración dos paramentos das construcións a base de formas, realizado con argamasa e cal.
2018 - 2020
A exposición nace a partir dun proxecto no que etnografía e arte danse a man co obxectivo de concibir obxectos estéticos toda vez que a peza útil perdeu a súa funcionalidade orixinal.
A creación dunha simbiose entre etnografía e arte parte da premisa de que os obxectos son contedores de coñecemento, polo que separando o significado do significante inicial, otórgaselle á peza un novo significado,esta vez,estético. Non é unha transformación do obxecto co fin de convertelo noutro, a modo de ready-made, senón unha intervención da forma,demostrando a súa dimensión estética.
Cada creación é reflexo da comunicación entre o obxecto e o artista, que tras analizalo, adquire novos significados que se atopaban latentes nel: harmonía das súas liñas e volumes, equilibrio nas súas formas, rareza no emprego do material, etc., ademais de todas aquelas, cada un pode descubrir outras persoais, novas, que xorden ao observar lentamente o obxecto, permitindo o diálogo entrambos.
Obra do artista Roberto González Alves.
Lembro saltar en charcos, facer pasteis de barro e lixar a roupa co verdello da herba, noto como desaparecen…. a rosada nos “chuchameles” pola mañá, o xeito no que o meu avó “enresta” as cebolas, ou a sensación de conquista ao desenterrar unha pataca especialmente grande. Esvaense …; volven ao lugar ao que pertencen, como se fosen poemas ou pinturas.
As lembranzas, os relatos, os obxectos, os olores, as vivencias pasadas, fúndense como pequenas pezas dun acolledor quebracabezas, fanse sensibles ao ir indagando en cada un dos pequenos fragmentos
que pertencen á memoria.
Vivir a natureza que rodea a miña aldea a través das miñas lembranzas de infancia e da recuperación da memoria do meu avó, constituíron os piares que tento conciliar para poder descubrir aquela natureza que sempre permaneceu en min e que lle foi dando sentido á miña obra. (Roberto González Alves)
«Prendido no meu recordo, Xan, o avó, sentado nun banquiño, que aos ollos da miña nenez semellaba moi, pero que moi pequeno para soster aquela corpulenta figura.
De cando en vez ía remexendo cun pauciño naquelas esvaecidas brasas que rebulían, espelindeo ao son do pau, nunha atractiva danza, ao tempo que transformaban con encantamento as denegridas paredes da estancia.
Que festa! cando espetaba, despois de aguazar coa navalla o cabo do pau, aquel anaco de touciño que pingaba ao calor, mamentres medraba meu desexo de que dunha vez rematase para poder saborealo ben axiña» (Victoria Vázquez López, Directora do Museo Liste Etnográfico de Vigo)
Esta exposición de pezas etnográficas relacionadas coa alimentación, na súa maior parte artesanais, pon de manifesto as expresións máis significativas da cultura alimentaria galega e permite coñecer cales eran os seus piares básicos.
Mostra temporal que contén preto de 50 pezas que nos invitan a coñecer unha parte da historia alimentaria de Galicia a través dun cereal: o millo.
A exposición divídese en varios bloques que abranguen aspectos como a orixe e historia da planta; as variedades e os distintos nomes que recibe; os seus usos culturais.
O proceso dende a colleita á debulla e ao seu almacenaxe, sen esquecer a loita do agricultor na defensa do seu traballo a través dos espantallos; e curiosidades como a súa relación con enfermidades como o mal da rosa ou pelagra A maior parte das pezas expostas pertencen ao artesán cesteiro Rubén Berto Covelo que aportou tamén o seu traballo de campo, que constitúe un valiosísimo documento, con gravacións de entrevistas realizadas a persoas que aínda, hai pouco tempo, tecían coa folla do millo.
2021 - 2023
Continuando co proxecto iniciado no 2019, nesta ocasión o noso devezo e dar visibilidade a tantas mulleres, ilustradoras, artistas, que desenvolven a súa traxectoria cunha perspectiva de xénero, reivindicativa dos dereitos das mulleres e evidenciadora das desigualdades.
Eva Casais, Abi Castillo, Gemma Marques, Paula Mayor, Heyjuddy, Candela Piñeiro, Nuria Figueiredo, Lidia Cao, Laura Tova, María Uve, Bea Gregores,…Ilustrad/as, ilustradoras, artistas, mulleres, que crean arte, que coa súa obra exhibida fan xustiza a tantas outras artistas silenciadas ao longo da historia e, agardamos, abran camiño ás futuras.
A nosa aportación: proporcionar a canle…
Para nós, a mensaxe está clara.
A sociedade,… a nosa arela é que se converta en activa receptora.
“Xornadas contemporáneas arredor do Patrimonio Etnográfico»
Dende abril a decembro: un mes, un artista, un proxecto.
(A)Pegadas pretende levar a un primeiro plano o noso patrimonio etnográfico co fin de xerar unha conversa
dinámica e múltiple que nos lembra a importancia das nosas raíces e da súa construción, da nosa mitoloxía, simboloxía,
artesanía e costumes como piares da nosa cultura.
Comisariado y coordinación: Alexandra R. Rey.
SABER MÁIS DO PROXECTO
Autor video: Ismael Casal Álvarez.
A maior parte dos historiadores sinalan o Nadal de 1223 como a data de orixe do belenismo. No Nadal dese ano, en Greccio (Italia), San Francisco de Asís celebrou o Nadal evocando o Misterio representado por persoas e unha pequena estatuiña do neno en terracota. Dende entón, a representación da Natividade estendeuse polo mundo cristián conformando un símbolo da súa cultura.
En Portugal, país do que procede a colección de Xabier Maañón que o Museo expón, a tradición belenista remóntase a baixorelevos en sarcófagos e a miniaturas de Biblias do século XV. Non obstante, é no século XVIII cando comeza a expansión desta arte coa Escola de Mafra, para estenderse despois por Estremoz, Barcelos e o resto do país. Destacan, nese momento, os mestres Machado de Castro, a súa escola e Antonio Ferreira pero, ata os nosos días, son moitos os belenistas que traballan en pequenos obradoiros artesanais e familiares por toda a xeografía portuguesa.
Estes artistas, moitos deles herdeiros de históricas sagas familiares de barristas, conforman coa súa obra un legado de inmenso valor.
Tamén baixo o título «Perú: o Misterio en miniatura», exhíbese unha escolma de microbeléns de orixe peruano como exemplo da tradición belenista hispanoamericana. Presentan unhas características diferenciadas en canto a tipoloxía e profusión decorativa como os modelos con forma de retablo que acollen un Misterio de tosca factura e alegre policromía e que, ás veces, substitúen a armazón de madeira por elementos naturais como canas e cabaciñas como escenario destas representacións.
Ambas coleccións, doadas recentemente ao Museo, son exemplo da grande importancia patrimonial que posúe o coleccionismo privado. Xabier Maañón, coleccionista de arte, atesourou estas pezas durante os anos con agarimo e rigor e a familia Barturen, como depositarios do legado de Joseba Barturen, contribúen á súa memoria coa exhibición da súa paixón.
Escolma de buxainas e asubíos da colección doada por Patuxa Limón ao Museo Liste.
Das case duascentas pezas doadas, realizouse unha escolma de 45 buxainas e bailaretes e de 34 asubíos e frautas.
As categorías nas que se organiza a exposición están baseadas, para buxainas e bailaretes, nas que establece a coleccionista, mentres que para categorizar os grupos de asubíos e frautas tomouse como referencia principal a obra Os instrumentos musicais na tradición galega de Pablo Carpintero Arias.
Escolma de beléns parte dunha valiosa colección de microbeléns doada ao museo pola familia Barturen Alonso.
Joseba Barturen, artífice da colección, ilustraba a súa paixón belenista coa frase “Na miña casa todo o ano é Nadal” e atesourou, durante a súa vida, un fermoso legado cuxo xermolo foron os beléns comprados como agasallo nunha das súas viaxes a Ecuador.
Completa a exposición unha mostra de seis presepios portugueses procedentes da rica colección doada ao museo por Xabier Maañón. Todos eles saídos das mans de artistas pertencentes a históricas sagas familiares de barristas do país veciño.
Ambas coleccións evidencian a grande importancia patrimonial do coleccionismo privado, tesouro oculto que, nesta ocasión, sae a luz froito da desinteresada xenerosidade dos coleccionistas e as súas familias.
Investigación e creación artística de Nuria ferreiro arredor da etnomedicina e do patrimonio inmaterial galego que é a esencia dun pobo á par que o seu elo máis fráxil.
Establece unha relación directa entre distintos campos de coñecemento como son a etnografía, a antropoloxía e a arte contemporánea.
A imposibilidade de ofrecer unha historia completa da tecnoloxía pola súa amplitude e complexidade, tornou imprescindible realizar unha escolma de pezas que mostraran unha evidente evolución.
Así, os ámbitos representados obedecen a cinco categorías simbolizadas por senlleiras pezas que os identifican:
O doméstico: a numerosa produción de enxoval que o caracteriza fixo necesario elixir un tipo de pezas que, neste caso, limitouse a batedoras, picadoras e reladores.
A oficina: a importancia do auxe do traballo administrativo que supuxo un fito na incorporación da muller ao traballo asalariado, determinou a elección das máquinas de escribir amais das outras pezas exhibidas.
Os medios de comunicación: o teléfono, a radio e a televisión simbolizan a auténtica revolución que produciu a súa aparición na sociedade mudando hábitos e formas de relacionarse e converténdose, tamén, en elementos de entretementos e non só comunicativos. Exemplifican perfectamente o estreito vencello entre ciencia, técnica e tecnoloxía nunha frutífera simbiose para a humanidade.
O ocio: a música, o xeito de consumila, mudou no momento en que xorden gramófonos, gramolas, tocadiscos pero tamén as radios, medio de difusión e comunicación que se converte co advenimento das radiofórmulas e das radionovelas nun elemento de esparcemento para todas as franxas de idade.
A arte: representada pola fotografía e os aparellos que acompañaron ao ser humano no seu devezo por conxelar o tempo: as cámaras fotográficas e a súa evolución.
A mostra recolle aos Boteiros, este ano protagonistas do Entroido do museo, dos que poderemos contemplar as máscaras e outros adobíos dos Boteiros de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso cedidos temporalmente pola Asociación de Fulións Rurais e polo Concello de Vilariño de Conso.
Exhibe, ademais, outras carautas representativas do Entroido galego como as do Triángulo Máxico ourensán: Peliqueiro de Laza, Cigarrón de Verín e Pantalla de Xinzo; a carauta de Merdeiro de Vigo; e, do Morrazo, o espectacular sombreiro de Madama do Entroido de Cobres en Vilaboa, cedido temporalmente por Noelia Lameiro Cortegoso.
2024 - 2026
Do 30 de xaneiro ao 17 de febreiro
A ocultación do rostro prodúcese no ser humano dende tempo inmemorial e con moi distintos fins: de subsistencia, máxicos, rituais ou ceremoniais, lúdicos…
Atopamos achados de máscaras en prácticamente todas as culturas primitivas. Empregadas para simbolizar ou representar aos seus deuses, tótems, máscaras protectoras, funerarias, guerreiras, de danzas, de rango, de perpetuación… sempre envoltas nun carácter sagrado.
En Grecia e Roma pasan a formar parte das representacións que marcan o nacemento do teatro clásico e a perda do seu carácter relixioso.
Na Idade Media incorpóranse ás festas e manifestacións lúdicas e, actualmente, refúxianse definitivamente no Carnaval xunguíndose na súa complexa orixe.
A máscara é moito máis que un modo de ocultación da face, un rostro alternativo. Supón unha transformación, unha asimilación, unha distorsión da realidade, non só do enmascarado, senón tamén do medio no que este actúa.
Nun sentido máxico, a máscara é liberadora da personalidade, xa que no agochar aquelo que máis propiamente nos identifica -o rostro-, transfórmanos noutro non recoñecible, co que podemos identificarnos, tras do que agocharnos, ou actuar anonimamente.
A máscara galega chega ata nós da man do Entroido, ao que se incorpora ata conferirlle o seu sentido máis profundo, aglutinando no seu poder simbólico o ritual da personalización do Carnaval.
Os estudosos ven nalgunhas das nosas máscaras restos dos rituais meméticos ancestrais nos que se identifican co tótem ou animal sagrado, vestíndose e imitando o que fan; ritos purificadores ou protectores; ritos para favorecer a fecundidade da terra; maxia da caza, da iniciación, mesmo raíces celtas.
Portadoras dun compoñente máxico ancestral vencellado á historia do ser humano que se perde no misterioso pasado, do que nos transmite o rito pero non nos desvela a orixe.