Novas Publicacións

APEIRARTE

“Vinte e catro artistas, convidados polo Museo ou a través de convocatoria pública, interviñen neste novo Proxecto Expositivo do Museo Liste Etnográfico de Vigo; artistas que acollen pezas etnográficas e entregan OBRAS.

Apoiándose nas realidades de ambos, os obxectos son liberados da súa primixenia finalidade emerxendo a unha nova comprensión que lles outorga outra perceptibilidade, transformadora nalgún caso, que os reinventa, imaxina, destaca, embelece, inspira… abríndoos ao mesmo tempo á sensibilidade reflexiva do espectador”.

Con estas  palabras, Victoria Vázquez López, directora do Museo Liste – Etnográfico de Vigo, presenta esta publicación, catálogo da exposición que baixo o título “ Apeirarte: licenza para crear” exhibiuse no Museo dende o 25 de abril do 2018 ata o 30 de marzo de 2019.

Este proxecto expositivo relaciona dous mundos aparentemente afastadados como a etnografía e a arte. En palabras da súa comisaria Dª. Araceli M. Liste Fernández:

“En Apeirarte, cada creación artística é produto da lenta e pausada esixencia reflexiva que infire o pasado sobre cada un dos artistas que interveñen na exposición.”

A MESA
FARTA

Catálogo da exposición que baixo o título “A mesa farta: etnografía e cultura alimentaria en Galicia” inaugurouse o 31 de maio de 2019.

Con textos de Xavier Castro , catedrático de historia e comisario da exposición, recolle  “as expresións máis significativas da cultura alimentaria galega e permite coñecer cales eran os seus piares básicos”.

A comida e todos os elementos arredor dela compoñen na nosa memoria imaxes evocadoras que nos acompañan ao longo da nosa vida tal como relata Victoria Vázquez López, directora do Museo Liste – Etnográfico de Vigo no prólogo da obra:

“Prendido no meu recordo, Xan, o avó, sentado nun banquiño, que aos ollos da miña nenez semellaba moi, pero que moi pequeno para soster aquela corpulenta figura.

De cando en vez ía remexendo cun pauciño naquelas esvaecidas brasas que rebulían, espelindo ao son do pau, nunha atractiva danza, ao tempo que transformaban con encantamento as denegridas paredes da estancia.

Que festa! Cando espetaba, despois de aguzar coa navalla o cabo do pau, aquel anaco de touciño que pingaba ao calor, namentres medraba meu desexo de que dunha vez rematase para poder saborealo ben axiña.